Nacín na Coruña, unha cidade marabillosa de Galicia, en 1986. Crecín rodeado de persoas que traballaban coas mans. Elas espertaron o meu interese polos oficios artesáns e manuais, o que sentaría unha importante base para o meu futuro. Os legos e os mecanos ou as feiras onde me impresionaban as tecedoras, os tallistas e os torneiros forman parte das miñas lembranzas máis queridas.

Estudei arquitectura dous anos e aprendín moito sobre deseño, estrutura, construción e forma. Porén, descubrín que quería traballar máis coas mans, así que decidín cambiar o meu rumbo e foi entón cando comecei a traballar coa madeira.

A música e a guitarra eran algunhas das miñas maiores afeccións, así que despois de rematar o ciclo superior en Desenvolvemento de Produtos en Madeira e Moble en Vigo, no verán de 2009 fixen a miña primeira guitarra co luthier Jean Pierre Sardin en Barcelona. Xa non había volta atrás: fiquei atrapado pola construción de instrumentos.

Ese mesmo ano comecei, na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, e coas ensinanzas do meu mestre Ramón R. Casal, o curso de dous anos de Luthería Antiga, onde aprendín a facer violas de gamba e laúdes renacentistas.

No verán de 2010 fun a Sigüenza para facer unha vihuela de man e aprendín métodos tradicionais españois cos mestres e amigos José L. Romanillos, Jaume Bosser e Joan Pellisa. Amigos, conferencias, actividades, concertos e outros proxectos lévanme de volta a Sigüenza cada ano.

Despois destes dous anos en Vigo decidín ir á Escola de Construción de Guitarras en Newark-on-Trent (Reino Unido). Alí aprendín máis en profundidade como facer guitarras (clásicas, acústicas e eléctricas) e mandolinas, baixo a titoría dos mestres Adrian J. Lucas, James Lister, Mal Brady e Geoff Goddfrey.

No verán de 2012 regresei a Sigüenza para participar no Curso de Construción de Guitarra Romanillos, impartido polos mestres José L. Romanillos, Liam Romanillos e Steve Rees. Nese curso fixen unha guitarra española seguindo os seus métodos e consellos e enriquecinme do ambiente multicultural.

Logo de dous anos en Newark, en 2013 trasladeime a Bélxica para estudar Restauración de Instrumentos de Corda Pulsada na Escola Internacional de Luthería de Amberes (ILSA – Internationale Lutherie School Antwerpen).

Desde setembro de 2014, despois de rematar o curso de Restauración, son un dos profesores de construción de guitarras españolas na ILSA.

Actualmente vivo en Amberes e compaxino a construción dos meus instrumentos co labor docente, sempre aprendendo, explorando e probando ideas novas e traballando duro.

É un pracer e un privilexio poder dedicarme a esta profesión que me apaixona e coa que aprendo día a día.