“A telecaster “Telecane” foi a primeira incursión de Pablo coas guitarras eléctricas e foi toda unha honra ser o elixido para desfrutar deste instrumento. Era a guitarra que tiña na mente e nos meus soños e el fíxoa realidade. Unha telecaster cun aspecto moi vintage dunha peza de freixo con incrustacións doutras madeiras e Bigsby. Conseguimos madeiras dun antigo estaleiro de Ferrol e guaiacán, que lle dá un aspecto único e moi natural ao instrumento. Como elemento distintivo, o rombo que aparece en distintas partes da guitarra e a incrustación que percorre todo o lateral.

É deses instrumentos que ten vida cando os tocas. As madeiras transmiten todas as vibracións das cordas e iso é marabilloso. Escollemos as pastillas Lollar Vintage para darlle ese twang propio das telecaster antigas e mantivemos a ponte de tres pestanas que houbo que modificar para o funcionamento do Bigsby. Unha guitarra única, versátil e que non podes deixar unha vez que a colgas.”

Jacobo Naya, multi-instrumentista e membro de La M.O.D.A., España

 

“A miña ‘Geometría’ é, en todos os aspectos, unha guitarra extraordinaria con moita personalidade. É moi fácil de tocar e moi equilibrada. O sustain e as cores son incribles. É unha fonte de inspiración constante para min!”

Herman Schamp, guitarrista, Bélxica

 

“Pablo tróuxoa para amosárnola aquí no obradoiro en Portugal. A guitarra é boa. Ten un gran ton no corpo e no mastro, desenchufada. O mastro é cómodo. Poderíase tanto facer rock con ela como tocar suave. Tamén ten un aspecto xenial, é un catálogo de madeiras locais.” 

Andy Manson, Mestre Luthier, Portugal

 

Coñezo a Pablo desde a infancia. Desde entón somos grandes amigos e crecemos compartindo a afección pola música e, en particular, pola guitarra.

Durante todos estes anos, o gusto polo bo son foi perfilándose no seu oído. Así ocorreu coas súas mans destras, que souberon evolucionar demostrando a súa valía nesta profesión tan esencialmente artesanal e vocacional.

En cada instrumento feito polo guitarreiro atoparedes unha obra diferente. Cada peza é orixinal e conta a súa propia historia. O detalle é importante, pois foi deseñado co propósito de lograr un son máis apropiado para o músico, producir maior comodidade na postura etc.

Unha guitarra de Pablo suxire inmediatamente aspectos artísticos, calidez, harmonía, orixinalidade…

No seu taller, poderedes observar como o lutier traballa coa mellor materia prima, sempre con respecto polo medio ambiente. As madeiras son escollidas coidadosamente para o seu fin. Todo isto para ofrecer un produto moi característico, con estilo propio.

Unha guitarra de Pablo faise máis do seu músico, porque soa para el. Sorpréndeo con sons escondidos e responde ás súas esixencias. Unha guitarra de Pablo non é só unha guitarra, é un gran presente, unha compañeira leal para toda a vida.

Rubén Rodríguez, España

 

“Cando falei con Pablo por primeira vez sobre a creación desta guitarra, díxenlle que quería que fose máis pequena que unha acústica normal, mais que mantivese ao máximo a potencia dunha guitarra máis grande.
Pablo partiu desta idea dunha guitarra acústica que fose manexábel mais potente e converteuna nunha peza artesanal extraordinaria. Non só o son é mellor do que imaxinaba, senón que esta guitarra ten unhas características que a fan única e incríbel: un mastro asimétrico e rápido que parece o dunha guitarra eléctrica, un corpo pequeno e delgado que a fai realmente cómoda de tocar e un acabado con todas as características que podería esperar dun construtor de guitarras con experiencia como Pablo. ” 

Javi Sánchez, Barcelona